Músicas rosalianas

É innegable a relación que existe entre as diferentes disciplinas artísticas e a música, máis concretamente entre a literatura e a música. Rosalía de Castro é a nosa autora máis musicada, por iso aquí propoñemos unha viaxe por esas músicas rosalianas.

Dende hai moito tempo a nosa literatura estivo moi ligada a música, de feito xa os cancioneiros medievais recollían un espazo adicado á notación musical que acompañaba as cantigas para que estas puidesen ser interpretadas tamén musicalmente polos trobadores. Esa íntima relación non esmoreceu cos séculos e, mesmo cando a literatura estivo limitada só á oralidade, o pobo seguiu compoñendo pezas poéticas que eran interpretadas tamén musicalmente nos momentos de lecer ou para acompañar o traballo. Na actualidade, a eclosión musical que se deu na nosa lingua propia tampouco esquece a literatura, nomeadamente a poesía, e así Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María son unha pequenísima mostra de poetas musicados dende os estilos máis variados e modernos.

A nosa viaxe musical quere facer un pequeno repaso polos temas musicados da autora de Cantares gallegos, e dicimos pequeno porque resulta difícil, por cuestións de espazo e atención, tentar incluír todos os poemas de Rosalía que foron musicados, pois certamente non existe na historia da literatura galega outra autora que chamase tanto a atención das músicas e os músicos.

Foron Amancio Prada, Los Tamara e A Quenlla os primeiros en musicar as letras de Rosalía alá pola década de 1970.  

Amancio Prada no ano 1973, no seu disco Vida e morte, xa incluía os versos da autora en "Como chove miudiño" ou "Un repoludo gaiteiro", se ben ao longo da súa traxectoria musical non abandonou o seu interese pola literatura rosaliana e así como pasaron os anos seguiu compoñendo a música para outras composicións como "Campanas de Bastabales", "Negra sombra" ou "Paseniño, paseniño" entre moitas outras.


Los Tamara e A quenlla tamén polos mesmos anos escolleron a autora de Padrón como letrista e proba disto son temas como "Negra sombra" ou "Alborada".


Os anos van pasando e o interese pola autora, lonxe de esmorecer, segue a medrar. Novas músicas, novos estilos que se afastan paseniño da canción de autor-protesta froito da ditadura franquista, seguen preferindo Rosalía como letrista. Así nas décadas de 1980 e 1990 Dolores Plata, A Roda, Xocaloma, Bibiano, Emilio Cao ou Luis Emilio Batallán musican varios pomeas seus, ao tempo que Amancio Prada continúa tamén o labor que comezara na década anterior.


E chegamos nesta pequena viaxe ao cambio de século, até este momento o autor que máis interese amosou por Rosalía foi Amancio Prada e as composicións máis escollidas polas diferentes mans musicais "Negra Sombra" e "Adios ríos, adios fontes".
Co século XXI o que chega a Rosalía é a variedade de estilos que vai dende o metal de Nao, até o rap de Aid e Son da rúa pasando polo rock de Narf, o pop de Guadi Galego, Poetarras, Najla Shami ou Luz Casal, o infantil de Uxía ou o folc de Carlos Núñez. O número de propostas é enorme e velaquí vai unha pequeniña achega.


Como xa dixemos no comezo deste paseo, isto é só unha pequena mostra, por aí hai unha chea de música rosaliana agardando que a descubrades. Invítovos a que a coñezades e, por que non?, a que compoñades as vosas propias músicas para esa Rosalía-letrista. Sería fermoso, moi fermoso.

Comentários

Mensagens populares