CONSIGUE AQUÍ UNHA ENTRADA GRATIS PARA O FILME "CUÑADOS"

 

O 10 de abril chegou aos cines de Vigo un filme rodado en galego: Cuñados. Non é frecuente que a carteleira nos ofreza esta posibilidade. Desgraciadamente. E iso que a lexislación sobre a nosa lingua, a Lei de Normalización Lingüística (1983), no capítulo dedicado ao uso do galego nos medios de comunicación, establece que:

“Serán obrigas da Xunta de Galicia:

1.  Fomentar a produción, a dobraxe, a subtitulación e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega.”

Transcorreron case corenta anos desde que se aprobou no Parlamento galego esta lei e hai puntos como este no que non avanzamos. Recentemente unha iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística pedía que a Xunta de Galiza chegase a acordos con outras administracións e empresas (TVE, Movistar, Netflix, HBO,…) co fin de garantir a opción dobrada e lexendada ao galego en todas as plataformas dixitais de televisión. 

Denominárona como Iniciativa Xabarín pois tamén solicita a TVG que aumente a oferta a través dunha canle, para o que se propón como nome o do emblemático espazo da nosa televisión, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e que se oferte en todas as plataformas de contidos audiovisuais así como App actualizadas. Trátase de conseguir 2500 sinaturas (que teñen que ser físicas) para que a iniciativa se debata no Parlamento Galego. Podedes atopar máis información sobre a compaña neste enlace: https://www.amesa.gal/xabarin


Algúns dos locais de Vigo onde podedes asinar a favor da iniciativa (polo que recibiredes un bolígrafo) son: Libraría Zoila (Bouzas), Libraría Espazo Lector en Gran Vía 184, Libraría Prisma na rúa A Coruña, na Asociación Veciñal do Casco Vello ou en Librouro.

Pero volvendo á estrea, Cuñados é a primeira longametraxe da produtora Portocabo e do seu director, Toño López. Porén non é o seu primeiro traballo audiovisual xa que dirixiu a  sitcom 4º sin ascensor, as series da TVG Matalobos e Luci ou a primeira tempada de Auga Seca, dispoñible na TVG, na RTP e en HBO. Trátase dunha comedia na que Eduardo e o seu cuñado Sabonis, para salvar a súa bodega, deciden secuestrar ao tamén cuñado da empresaria que os enganou e coa que teñen a débeda. A película, rodada en Ourense, tivo a súa primeira presentación internacional no Festival de Berlín e conta con algunhas das caras máis coñecidas do teatro e da televisión galegas, os actores  Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira,  Federico Pérez Rey e, na réplica feminina Eva Fernández, Iolanda Molinos e María Vázquez.

E aínda que como mencionamos ao comezo é pouco habitual ver proxectadas películas en galego, nesta ocasión temos que falar doutra fita nas nosas salas, Nación, dunha das máis sólidas figuras do audiovisual galego, Margarida Ledo. Trátase dun documental que reconstrúe a loita das traballadoras de Pontesa, fábrica de cerámica situada no fondo da ría de Vigo, que pechou en 2001.

Desde o Equipo de Dinamización animámosvos a que a(s) vexades por moitas razóns: porque vos ides divertir, porque o cine é unha oferta de ocio segura e porque contribuídes a que a acollida destas películas demostren que se pode rodar cine en Galicia e en galego. 

Pero non só vos animamos senón que sortearemos dúas entradas entre os que vos presentedes este venres 23 de abril no recreo na entrada do instituto. Atentas e atentos, poderemos facervos algunhas sinxelas preguntas sobre o que se di neste artigo que deberedes responder correctamente (e isto refírese tamén á lingua en que debedes facelo).

Comentários

Mensagens populares