Exposición Músicas galegas ilustradas no IES Álvaro Cunqueiro. Día da Muller 2021

 

      Exposición Músicas galegas ilustradas

Día da Muller no IES Álvaro Cunqueiro

Música galega, mulleres na música: ambas pouco coñecidas, non pola súa calidade, ou por características intrínsecas, senón por factores externos e diversos. Por un lado as culturas minoritarias non gozan da difusión que requiren. A nosa música non se programa nas emisoras máis ouvidas, nin se convida aos nosos músicos e músicas ás cadeas de televisión, non teñen acollida nos festivais máis potentes. É por iso, e só por iso, que non chegan ao gran público, e polo que a mocidade non coñece as súas cancións. Pero están a irromper a través doutros medios como as canles de Youtube, as listas de Spotify, as páxinas web especializadas, os discos autoeditados... e tamén no cartel de moitos dos festivais que xurdiron por todo o noso territorio.

E a iso, súmaselle a presenza da muller que, ao igual que noutros ámbitos, ten menos protagonismo, menos visibilidade ou tínxese de estereotipos. Mais agora xa non son unicamente unha voz bonita ou que forma parte da imaxe da banda; agora son compositoras, instrumentistas, voces tamén; e afrontan proxectos en solitario ou nun grupo; ou tamén forman bandas netamente femininas.

Este é o asunto desta exposición. Laura Romero é unha ilustradora pero ademais forma parte da banda de rock Zënzar, onde toca o baixo. É artista plástica, é música e, aínda que non de nacemento, é galega. Unindo todo iso decide crear un álbum de imaxes ao que chama Músicas Galegas Ilustradas, que mostre a presenza real da muller na música galega actual.  E contribuír con el á visibilización das mulleres no mundo da música. Laura Romero titula este proxecto como Músicas Galegas Ilustradas.  

https://musicasgalegasilustradas.com/


Por iso desde o Equipo de Dinamización nos pareceu oportuno traer esta exposición ao IES Álvaro Cunqueiro e facela coincidir co día da Muller. Velaí a tedes, pendurada polas corredores do noso centro. No andar baixo, na entrada do instituto, aparecen as solistas:


No primeiro andar  podedes ver as bandas de mulleres:


E no segundo andar bandas das que forma parte algunha muller:



 Esperamos que vos guste a exposición e que vos esperte a curiosidade, as ganas de coñecer algunhas desas músicas galegas e ouvilas, ese é o obxectivo final.


Comentários

Mensagens populares